A expresión plástica é unha ferramenta creativa, pero ademais ten un profundo valor pedagóxico e foi e é un medio esencial de tradución e análise do mundo. Implica un modo de pensar e comunicar típicamente humano e segue sendo unha actividade fundamental, así como un instrumento de exploración que produce aprendizaxes significativas dado que, no seu curso, invita a coñecer, comprender, aplicar e avaliar, así como a realizar exercicios analíticos e sintéticos. Comprender o mundo a través da plástica e do visual é primordial nun escenario do coñecemento que hoxe cabalga entre o real e o virtual, e no que os códigos propiamente artísticos trascenden os lóxicos e lingüísticos.
Calidade educativa e atención á diversidade
Este programa lúdico e educativo reivindica ao neno participante como destinatario final de cada acción, como protagonista do proceso de aprendizaxe, sexa cal sexa o seu momento evolutivo e características persoais e sociais coas que enfronta a tarefa de aprender. En consecuencia, o proxecto persegue unha inclusión educativa que supere as barreiras que dificulten o máximo desenvolvemento das súas capacidades. Asumindo que a diversidade é a norma, este proxecto contribúe a valorar calquera tipo de diferenzas individuais como un activo e orientase á consecución dunha igualdade efectiva de oportunidades educativas. Ao falar de capacidade persoal refírese a nenos con dificultades de aprendizaxe ou con altas capacidades. Interacción A expresión, ferramenta de comunicación humana que se manifesta por medio de diversos linguaxes, é unha capacidade vinculada á competencia comunicativa. É necesario promover esa expresión infantil para acadar unha adaptación funcional. A expresión corporal é o comportamento exterior ou intencional, que traduce emocións ou sentimentos mediante un uso efectivo do corpo. A plástica e o visual, como modo de representación e comunicación que emprega a linguaxe visual para favorecer o proceso creador. O fundamental neste proceso non é a creación senón a libre expresión.
Valores e principios
Sustentado en valores que poidan axudar aos nenos a evolucionar, este proxecto, deseñado para actuar en contextos marcados por cambios múltiples e complexos, proporciona ferramentas cognitivas e emocionais que permiten entender o seu papel como individuos autónomos e a súa relación cos demais. Ferramentas que fomenten adoptar un punto de vista propio en interacción co entorno natural e social, incorporando contidos e metodoloxías desde a construción colectiva de valores compartidos.
Obxectivos xerais
Coñecer e valorar o propio corpo Conectar o neno co seu entorno social Promover a interacción entre iguais Fomentar a autonomía
Obxectivos específicos
Aproveitar o poder educativo e transformador do arte Diversificar as posibilidades expresivas do neno Expresar emocións e comprender as doutras Valorar a participación como motor de cambio positivo
Os talleres
1 sesión semanal de 75 minutos 12 participantes a partir de 6 anos, reservando a metade das prazas para nenos con diversidade funcional. Este programa propón un conxunto de actividades vinculadas á arte abordando tanto conceptos da linguaxe plástica como os grandes temas do arte. Cada un deles relacionarase cunha obra da colección permanente do Museo sendo o fío condutor dun taller de expresión plástica onde a interacción e a autoexpresión son as finalidades que se persiguen.
Sesión 01. Punto
O punto é o elemento de expresión plástica de menor tamaño. Os puntos poden agruparse ou aumentar o seu tamaño ocupando maior espazo, aparecer ordenados segundo ritmos ou de forma aleatoria creando composicións dinámicas. Partindo deste elemento, plantéxanse diferentes exercicios que nos permitan presentarnos e comezar a interactuar cos demais.
Obra: Sen Título, Salvador Cidrás Robles
Sesión 02. Liña
Unha liña é unha sucesión continua de puntos. A súa función principal é a de representar formas. Neste taller entenderemos o debuxo como percorrido, converterémonos en liña, descubriremos formas agochadas entre puntos e debuxaremos ríos que atravesan montañas de papel.
Obra: Loita (Tensión superficial activa), José María de Labra Suanzo
Sesión 03. Plano
Calquera superficie de dúas dimensións é un plano. O plano no espazo gráfico infinito. Preséntase en áreas con formas determinadas que percibimos por contraste de figura e fondo ou por un contorno liñal. Nesta ocasión utilizaremos a obra de Seoane para xogar cos seus planos de cor e compoñer unha imaxe inspirada nas súas formas.
Obra: Campesiñas parolando, Luis Seoane
Sesión 04: Volume
O volume é, xunto coa forma, un dos aspectos que distinguen os obxectos que nos rodean. Neste taller saltaremos do plano ao volume mediante unha asociación de cualidades sensoriais e plásticas. Traballaremos con materiais sinxelos observando os efectos do dobrado en planos de papel e como xurde o volume desde as dúas dimensións.
Obra: Rouge à relief oblique dominant, Leopoldo Nóvoa
Sesión 05: Cor
A cor é unha das experiencias visuais máis intensas que todas as persoas temos en común. Cada cor está cargada de significado e ademais pode asociarse a determinadas emocións. Nesta sesión partiremos das cores primarias para experimentar as mesturas de cor e crear un paisaxe no que as manchas son as protagonistas, evitando calquera elemento figurativo.
Obra: Paisaxe montañoso, Antonio Lago Rivera
Sesión 06: Retrato
O retrato é un dos temas máis presentes na Historia do Arte. A través da imaxe do personaxe que os artistas nos proporcionan, podemos coñecer a súa aparencia, pero tamén a súa profesión ou estado de ánimo. A obra de Laxeiro serviranos para falar das emocións e das diferentes expresións que pode adoptar o rostro humano. Remataremos pondo cara a un personaxe imaxinario nun exercicio creativo de representación dos sentimentos.
Obra: O Espanto, Laxeiro.
Sesión 07: Autorretrato
A creación dun autorretrato implica reflexionar sobre un mesmo e sobre como desexamos mostrarnos ante os demais. Observaremos no espello os nosos principais trazos para elaborar unha representación cargada de expresividade onde apareceremos tal e como nos vemos a nós mesmos.
Obra: Autorretrato, Carlos Maside.
Sesión 08: Paisaxe
Un dos xéneros máis populares na pintura é o da paisaxe. Son escenas sinxelas nas que o espectador pode identificar as súas partes de forma inmediata. A pintura de paisaxe adoita falar da relación do ser humano coa natureza, polo que cada escena é un exercicio de interpretación e descifrado dos códigos naturais por parte do artista. Nesta sesión partiremos da obra de Ruibal para comprender a diversidade do mundo natural e deseñar novos elementos vexetais.
Obra: Árbores en inverno, Manuel Ruibal.
Sesión 09: Bodegón
Un conxunto de obxectos dispostos dunha forma aparentemente casual pode ser un reto para o artista. Cal é a mellor disposición para obter unha composición máis equilibrada? O artista é o encargado de facer que percibamos as cousas cotiás como materia de arte, transformando o cotiá no excepcional. A través da obra de Alonso, observaremos as propiedades plásticas dos obxectos creando o noso propio bodegón.
Obra: Bodegón, Rafael Alonso.
Sesión 10: Outros temas do arte
Na última sesión faremos un pequeno percorrido por algunhas das obras máis curiosas da colección. Veremos paisaxes interiores baleiros, retratos de animais, esculturas fantásticas… Todas elas servirannos de inspiración para elaborar unha composición final chea de imaxinación e cor.