O Consello Internacional de Museos (ICOM) celebra o próximo 18 de maio o Día Internacional dos Museos e este ano o lema elixido é “o poder dos museos para transformar o mundo”. Segundo o ICOM, os museos son espazos de descubrimento que encerran o pasado e abren as mentes a novas ideas, algo esencial para construír o futuro. Segundo esta organización, os museos posúen o poder de:
- Alcanzar a sustentabilidade
- A innovación na dixitalización e a accesibilidade
- A construción da comunidade a través da educación
Este último punto fala de como, a través das súas coleccións e programas, os museos crean un tecido social que é esencial na construción da comunidade, ademais de defender os valores democráticos e ofrecer oportunidades de aprendizaxe permanente a todos os sectores da poboación, contribuíndo a conformar unha sociedade informada e comprometida.
En consonancia con isto, a FMJJ quere contribuír a visibilizar este poder mediante unha actividade didáctica dirixida ao alumnado de primaria para introducir o museo na escola.
Por iso, plantéase unha dobre sesión de traballo con 50 alumnos e alumnas de primaria onde, a través da reflexión e da expresión plástica, buscarase pór en valor a visita presencial ao museo.
Na primeira sesión, a Fundación María José Jove trasladarase ao centro educativo para achegar ao alumnado de 5º a súa Colección. Partirase da pregunta aberta “Que é un museo?” para indagar sobre o que implica o concepto e adentrarnos na Colección da Fundación. Iniciarase un diálogo no que os nenos e nenas coñecerán de forma xeral qué tipos de museos hai para logo centrar o traballo na descrición da Fundación. Presentaranse algunhas das súas obras e a partir delas traballaranse conceptos plásticos. Despois desta exposición inicial, plantexarase un pequeno traballo de investigación previo á visita presencial.
Na segunda parte, serán recibidos na sala de exposicións da FMJJ onde entrarán en contacto coa obra orixinal xa estudada para descubrir todos os matices (textura, escala, emoción) que únicamente na visita presencial se poden apreciar.