A cidade en imaxes. A xogar!

Pontevedra é a cidade de Galicia máis premiada a nivel internacional polo seu modelo urbano, presentándose non só como unha cidade turística de corte medieval, senón que se abre ao mundo como un referente en transformación urbana na que prevalece a accesibilidade e a peatonalización das vías mediante un modelo urbano que limita o tráfico rodado de vehículos en favor de outros medios de transporte e da circulación a pé. Isto propicia que os cidadáns se apropien do espazo público favorecendo as relacións humanas nuns espazos que deixan de ser alleos para converterse en puntos de encontro da comunidade.

Pontevedra, como indica o educador italiano Francesco Tonucci, considerou ao neno como parte fundamental do seu modelo de cambio. En resposta a isto, as rúas transformáronse en espazos para xuntarse e pasear nas que a seguridade e a limpeza se acadaron pola toma do espazo por parte das persoas. Nesta contorna os máis pequenos disfrutan dunha autonomía pouco habitual nas cidades que coñecemos.

Para eles, a cidade é un espazo de xogo e neste medio nenas e nenos teñen a oportunidade de descubrir o seu movemento. Pontevedra, debido ao predominio do tráfico peonil sobre o rodado, convértese nun grande taboleiro de xogo onde se poden utilizar todos os elementos, obxectos e superficies do medio construido para agatuñar ou gabear. Nenas e nenos se apoderan de todos os componentes do espazo urbano para desenvolver as súas accións e non piden permiso para facelo. A rúa é unha área de encontro e un campo de diversión na que os pequenos forman parte da paisaxe urbana ao igual que o vendedor de castañas ou os músicos que se apostan nas prazas.

Contido do proxecto

Trátase dunha iniciativa da área de promoción económica do Concello de Pontevedra aberta a todos os cidadáns pontevedreses, nenos e maiores, para promocionar a cidade de Pontevedra como a cidade dos nenos reforzando a súa imaxe cara ao turismo familiar. Estará composta de fotografías feitas polos pequenos autores completándose con imaxes deles mesmos vivindo a súa cidade.

Este proxecto consta de 4 fases:

  1. Convocatoria aberta a profesionais da imaxe ou afeccionados que desexen presentar as súas fotografías. O tema debe ser como a cativada vive a cidade como espazo de xogo, co obxectivo de recoller testemuñas da súa autonomía, calidade de vida e actividades de rúa. As obras serán  valoradas atendendo a tres criterios principais: o estético, o técnico e o documental, téndose en conta especialmente aquelas onde a espontaneidade das situación retratadas reflicta a naturalidade infantil. A fin desta convocatoria é a obtención de imaxes de calidade que representen a cidade como terreo de xogo.
  2. Xornadas fotográficas para nenas e nenos percorrendo a cidade para fotografiar aquelo que lles chama a atención da súa contorna. Estas instantáneas serán feitas con cámaras desbotables que serán reveladas e seleccionadas para formar parte da publicación.
  3. Mostra de rúa coas fotografías seleccionadas na convocatoria. Serán impresas en gran fomato e ubicadas en lugares estratéxicos pola afluencia de público e en datas sinaladas para causar un maior impacto de público. Deste xeito, por unha banda se promociona a cidade como espazo lúdico e, por outra, se potencian as súas cualidades de espazo artístico poñendo de manifesto como as rúas de Pontevedra poden adaptarse a diferentes usos para disfrute de cidadáns e visitantes.
  4. Publicación elaborada coas fotografías feitas polos nenos e nenas participantes nos roteiros fotográficos cun deseño orientado á promoción turística da cidade de Pontevedra como a cidade dos nenos.