Pontenciencia é unha feira de proxectos de investigación escolar aberta ao público que se celebra no Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo. Aproximarse á ciencia e á innovación desde a escola, promover o coñecemento científico, despertar a curiosidade e visibilizar a ciencia son algúns dos obxectivos desta cita na cidade de Pontevedra. A terceira edición de Pontenciencia está organizada polo Concello de Pontevedra e financiada polo Ministerio de Ciencia e Innovación e a Deputación de Pontevedra. Desde 2016, participamos en varias ocasións con talleres relacionados coas matemáticas, xeometría ou estruturas co obxectivo de achegar os nenos a conceptos complexos de maneira práctica e lúdica.
O número áureo: a proporción divina
Propónse un taller participativo para coñecer o número áureo, tamén coñecido como proporción áurea ou proporción divina, un dos conceptos matemáticos que aparecen unha e outra vez ligados á natureza e á arte. Este número rexer tanto a disposición dos pétalos dunha rosa como as dimensións das obras de Le Corbusier ou o Partenón de Atenas. Agocha detrás da Mona Lisa de Leonardo Da Vinci e aparece repetidamente no estudo do crecemento das plantas ou as ás dos insectos. Este taller explora a continua presenza das matemáticas no noso entorno e vida cotiá contextualizando a aprendizaxe dunha materia que ás veces resulta allea a nenos e nenas.
Forma e gravidade en De la Sota
Un taller participativo para coñecer a Alejandro de la Sota a través da experimentación coas formas, materiais e volumes do repertorio plástico e visual do arquitecto. Un taller que explora o significado da súa obra, así como a extraordinaria formulación espacial das súas solucións formais.
Xeometría da natureza. Un mundo de formas
Actividade de descubrimento da xeometría como ciencia presente a todas as escalas do universo, e que constitúe unha fonte de inspiración no arte do relato. Trátase dun taller para entender a estrutura molecular que forma a materia existente en todo o que coñecemos, e que dá lugar a un mundo de formas. Un taller teórico-práctico con contidos plásticos conectados coas áreas do currículo e metodoloxía activa e participativa.
En pé. A estrutura das cousas
Trátase dun taller para entender como actúan os pesos e as cargas sobre os edificios, e a súa correspondencia coas arquitecturas dinámicas dos organismos vivos. Un taller práctico con contidos plásticos conectados coas áreas do currículo escolar e metodoloxía activa e participativa.