O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra é un espazo que serve de punto de encontro entre o mundo dos libros e os lectores máis novos. Xurdiu en 1999 por iniciativa dun grupo de persoas amantes da lectura co patrocinio do Concello de Pontevedra. Desde os seus comezos, foi ampliando a variedade de actividades que ofrece, ampliando a variedade dos seus contidos e incorporando novidades que contribúan a atraer todo tipo de públicos.
Durante as súas vinte e catro edicións, foron numerosas as institucións e colectivos que achegaron as súas ideas e actividades para achegar a lectura á infancia e mocidade. Trátase dun evento cultural plenamente consolidado e avalado pola súa permanencia no tempo. O noso colectivo participa desde 2017 con actividades en torno á expresión plástica, a arte e a arquitectura.
Neste ano 2023 esta foi a nosa actividade do programa: A cidade como taboleiro de xogo
O xogo é unha actividade inherente á cultura humana e fundamental no desenvolvemento das persoas. Pode presentarse delimitado por regras, cando é estruturado, ou ser libre, pero sempre aparece contextualizado nun espazo concreto. Neste sentido, a cidade pode ser un territorio lúdico onde xogar e desenvolver a imaxinación e a creatividade utilizando prazas, rúas e espazos verdes para xogar. Propónse un taller onde percorrer a nosa vila e mirar os espazos con ollos “lúdicos” aproveitando os elementos que o conforman como pezas de xogo para implementar propostas onde a acción (agocharse, correr, debuxar, observar, coller, apilar, etc.) está inspirada polo lugar onde se desenvolve. Trátase de fomentar o uso e condición da rúa como territorio para o xogo e a creación dos nenos, poñendo en valor o patrimonio e o contorno próximo. Obxectivos
Promover o uso da cidade como espazo de aprendizaxe a través do xogo. Entender as posibilidades lúdicas que ofrece o espazo urbano. Coñecer alternativas de lecer que están lonxe do electrónico e do virtual.