Novoscinemas é un festival de cine no que novos directores e directoras presentan as súas óperas primas ou segundas. Trátase dun evento cinematógrafico moi completo onde, ademais da parte de exhibición, hai unha ampla oferta formativa para distintos públicos e na que nos participamos con obradoiros para nenas e nenos desde o 2018:
2018_ O globo vermello
O cine é un arte que se basea na imaxe. Unha estrutura ordeada de secuencias organiza as ideas para que o espectador perciba con claridade o que se desexa transmitir. A música e os efectos especiais son elementos que se engaden para reforzar a transmisión da mensaxe visual contida en esceas. A partir das sinopses de distintos clásicos do cine, plantéxase un taller creativo onde os asistentes elaboren os carteis de distintos filmes significativos da historia da séptima arte. É un exercicio de reflexión e síntese no que a imaxe toma todo o protagonismo deixando que evoque o pensamento que a palabra soe explicitar. Este obradoiro toma como referencia o traballo de Saul Base sustentada na economía da cor e o emprego dun número reducido de elementos nas súas composicións. Nel os nenos e nenas deberán elaborar unha mensaxe gráfica que simbolice o filme proposto e resuma o título representado.
2019_ 3,2,1… acción!
As primeiras proxeccións de cinema baseábanse en ilusións ópticas xeradas por artiluxios coma a lanterna máxica ou o zoótropo. Tratábase de rudimentarios aparatos cos que se recreaba a ilusión do movemento mediante a superposición de imaxes. Estes principos empregáronse no cinema de animación que, na súa esencia, produce a sensación visual dun movemento que non existe na realidade. O mundo audiovisual na actualidade conta con avanzadas técnicas para a creación de animacións que reproducen de forma precisa xestos e movementos. Nesta actividade plástica proponse voltar aos inicios do cinema para crear unha historia en imaxes de xeito artesanal. Proponse a construción dunha animación experimental protagonizada por coñecidos personaxes cinematográficos que cobrarán vida mediante a sinxela tecnoloxía do GIF ao dispor de todos nós.
2020_Cinema e pintura
O cinema naceu moi vencellado ás distintas artes e, en especial, á pintura, polo que desde os seus inicios os cineastas utilizaron elementos da linguaxe plástica na construción das súas historias. Neste taller explorarase esta relación a través de distintos exemplos dando paso a un traballo creativo co que se poderá experimentar esta dialéctica.
2021_Arquitectura de historias: o espazo no cinema
Aparentemente, a historia e os personaxes son os ingredientes principais dun filme, pero hai outros factores que contribúen a que unha boa historia se transforme nunha obra mestra. O espazo e a arquitectura son algúns dos puntos de apoio para o desenvolvemento argumental dun filme, mais en moitas ocasións, devanditos elementos transcenden o seu funcional destino de continente para un contido e se transforman en auténticos protagonistas: facendo que sexa practicamente imposible entender o relato sen a súa sensorial, física e metafórica presenza. Tomando como referente un filme representativo da historia do cinema, neste taller plástico abordaremos os postulados da arquitectura do Movemento Moderno e as súas relacións coa cidade e o entorno urbano. Trátase dunha actividade creativa que fomenta o espírito crítico e onde cada participante reflexionará sobre as vantaxes e os inconvenientes que comportan conceptos ou termos tan semantizados como tradición e modernidade.
2022_De sombras e sombras: Tim Burton
Tim Burton é un director de cine que creou un universo propio onde o seu código visual e personaxes trascenderon a pantalla para influír en creadores doutros ámbitos artísticos. Os seus arquetipos marxinais ou “raros”, tan propios do imaxinario do cinema norteamericano, saen da norma para protagonizar historias ambientadas en lugares oníricos ou terroríficos onde se desvirtúan as formas e a diversidade é o cotiá. Neste obradoiro presentarase unha selección da súa filmografía máis detacada e amosaranse as súas influencias. Ademais amosaranse as cualidades estéticas das súas historias e escenografías, que fixeron das súas películas unhas das máis orixinais da historia do cinema. Nenas e nenos, exercendo unha especie de dirección artística, traballarán o paso das dúas ás tres dimensións na construción de esccenografías axeitadas a algúns dos personaxes do peculiar mundo burtoniano.