Este é un proxecto que pretende afondar no coñecemento da situación actual da saúde mental tanto a nivel de poboación xeral como á das persoas en risco de exclusión social (persoas sen fogar, persoas con adiccións, etc); poñendo ao mesmo tempo en valor o traballo de persoas que, padecendo unha enfermidade mental son quen de levar adiante unha vida normalizada, incluindo tamén o traballo artístico.
O programa componse dunha mostra expositiva de urza e unha serie de relatorios abertos á cidadanía, coa fin de visibilizar a situación das persoas con diversidade psíquica, normalizar a súa integración na vida pública e liberalos dos estigmas sociais que os rodean. Estes relatorios estarán impartidos por profesionais da psiquiatría de Galicia con experiencia clínica en diferentes complexos hospitalarios da nosa comunidade.
A exposición
urza é o seudónimo artístico de Javier Meléndez Ortega (Madrid, 1959).
É un escultor con máis de 30 anos de traxectoria no circuito galerístico ademais de integrador social. A súa obra está presente en diferentes museos, institucións e entidades e conta con varios recoñecementos institucionais ao seu traballo.
urza, a través da súa potente plástica, autorretrátase como un personaxe anónimo. O colectivo da diversidade psíquica abarca un amplo espectro e o artista cédelle o seu corpo para facer un bosquexo do illamento daqueles que conviven cunha enfermidade mental. Os seus cadros son espazos pechados nos que o relato pictórico reflexa a angustia do diferente no mundo contemporáneo nunha interpretación da obra de Samuel Beckett da que toma o título esta exposición.
A sustanciación deste proxecto pictórico ten un tratamento dual entre o real e o onírico. Establése unha sorte de loita visual de contrarios, coa vitalidade que nace da tensión dialéctica que se produce: o negro do netamente pictórico é moi poderoso fronte ao gris do grafito do debuxo que se presenta máis débil. Unha analoxía da angustia que subxace na súa muy subxectiva visión do relato-chave e unha problemática intención de integrar a figura humana nesa estrutura abafante que todo o pode. Compositivamente non hay profundidade; todo sucede nun voluntariamente elixido único plano alonxado dos primeiros bosquexos de taller.
Programa de relatorios
Martes 29 de xaneiro ás 19.00 h
Un percorrido polo panorama actual da saúde mental, por Ramón Area. Psiquiatra, presidente da Asociación Galega de Saúde Mental (AGSM-AEN) e autor de numerosos artigos en publicacións nacionais e internacionais sobre saúde mental. Como escritor recibiu o VI Premio Ramón Piñeiro de Ensaio.
Mércores 30 de xaneiro ás 19.00 h
Relación entre a saúde mental e a arte: ART BRUT, por Alcira Cibeira por Alcira Cibeira psiquiatra do CHOU e coordinadora do inventariado e catalogación da Colección de Art Brut de Toén e Antón Casais, psiquiatra, psicanalista no Hospital de Piñor (Ourense), participante en obradoiros sobre arte e psicanálise.
martes 5 de febreiro ás 19.00 h
Enfermidade mental e muller, por Julia Fraga. Facultativa especialista de área no Centro de Saúde Mental Taboada Leal do CHUVI e membro desde a súa fundación do foro de Psiquiatras Españolas a favor dos estudos de xénero.
mércores 6 de febreiro ás 19.00 h
Estigma, exclusión social e enfermidade mental, por Manuel Arrojo. Facultativo especialista de área no CHUS. Psiquiatra xefe de servicio de saúde mental do SERGAS (2009-2015). Representou a Galicia na Estratexia Nacional de Saúde Mental (2009-2015) onde coordinou o grupo de loita contra o estigma e a discriminación
Destinatarios
Profesionais que traballan con persoas en risco de exclusión social (traballadores e traballadoras sociais, educadores e educadoras sociais, psicólogos e psicólogas de centros de saúde e institucións, etc ), profesionais do ámbito da saúde e público xeral.
Lugar
Sala Café Moderno Afundación, primeiro andar. Praza San Xosé 3, Pontevedra