Esta exposición é a culminación do programa pedagóxico Somos do Sexto, formulado como un deseño guiado dun proxecto museográfico por parte dun grupo de nenas e nenos de primaria. A través dunha metodoloxía activa, coñeceron as coleccións do Museo de Pontevedra e interviron nun comisariado de arte. Fomentouse o seu interese pola arte e familiarizáronse co proceso expositivo. Os pequenos e pequenas seleccionaron as obras, documentáronse sobre elas e identificaron as temáticas que prenden o seu esquema proxectual, tamén elaboraron o discurso narrativo e decidiron os dispositivos e elementos da mostra.
A exposición é a parte visible do iceberg que supuxo o proceso de traballo conxunto entre o equipo de Somos do Sexto, porque camiño e destino son caras da mesma moeda.
A montaxe articúlase en tres seccións: espazo, tempo e corpo, co referente da beleza oculta. Comisariar unha colección permanente de arte conleva un proceso de desconstrución e tradución do que di cada obra. Ou do que lle di a cada un, porque as obras non falan o mesmo para todos e todas nós.
Con esta mostra, a cabalo entre o didáctico e o ambiental, búscase a emoción e que o espectador se faga preguntas e formule as súas respostas.