Vídeos para achegar a arte contemporánea galega ao público escolar a través de artistas novos/as
Proxecto realizado para o Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 de contidos creativos de interese cultural. lingüístico e turístico do Plan de reactivación nos sectores turístico e cultural da Consellería de Cultura e Turismo fronte aos efectos da COVID-19.
Trátase dunha serie de vídeos nos que se exploran os estilos de creadores e creadoras desde unha perspectiva múltiple cunha visión transdisciplinar tanto didáctica coma lúdica. Faise unha viaxe a través das obras que servirán como elemento contextualizador e integrador da aprendizaxe, introducindo valores de respecto pola diversidade e de igualdade no relativo á valoración igualitaria da labor de mulleres e homes no campo da creación e, por extensión, a calquera outro.
A través da arte contemporánea pode comprenderse que calquera acción compositiva non é casual: creadores e creadoras traballan para cumprir obxectivos premeditados. Para transmitir as súas mensaxes recorren ao uso discriminado e coherente duns elementos básicos que fan posible a comunicación de emocións e pensamentos complexos. Pola súa capacidade para mediar entre o artista e o espectador, a arte contemporánea interpela ao receptor do obxeto de xeito directo, impulsando reflexións que rematan a obra. A/o artista contemporánea/o a través da súa obra presenta un problema que o espectador pode percibir contribuíndo a solucionalo mediante un proceso introspectivo. Por tanto, o contemporáneo convírtese nun vehículo idóneo para a transmisión de coñecemento ao tempo que permite, polo seu carácter aberto, darlle pulo a múltiples propostas didácticas.
Esta colección de vídeos sobre arte contemporánea pon en valor a calidade da obras das/dos nosas/os artistas máis novas/os. É tamén un recurso educativo en lingua galega para familias e docentes en formato dixital, o que facilita o acceso de públicos moi diversos e contribúe a divulgación da arte galega: