Mostra Expresión e Impresión

Esta exposición para a Fundación Filomena Rivero Alonso mostrou o traballo elaborado no obradoiro de expresión plástica para a interacción e a integración de nenos e nenas con capacidades diversas. Unha actividade que foi posible grazas ao apoio da Obra Social La Caixa e á colaboración do Concello de Redondela.

Esta mostra presentou o proceso de traballo seguido polos nenos e nenas, tan diferentes e tan iguais, que participaron con toda a súa enerxía e imaxinación. Non sempre se materializa o resultado dun proceso. N moitos casos, realiza a través do que queda despois do propio proceso. Nesta ocasión, o importante do obradoiro non foi o resultado, senón o propio proceso. Por esta razón, quisemos destacar a fugacidade das producións que naceron e creceron nunha sala do Multiusos de Redondela. Como dicía León Felipe:

¿Qué importa que la estrella esté remota y deshecha la rosa?

Aún tendremos el brillo y el aroma.

Creemos que este proxecto é unha experiencia duradeira, de coñecemento, transformación e creación conxunta entre iguais, de construción da propia identidade, que sempre se produce na alteridade.

O xogo simbólico e a arte funcionaron como ferramentas facilitadoras da comunicación, como medios máis que como fins. Neste obradoiro, os nenos coñeceron e crearon en equipo, construíndo obras e creando unha atmosfera de colaboración, na que predominaron os logros colectivos.