Proxecto didáctico:
Arquitectura para nenas/os

tallerabierto arquitectura pra niñas y niños

III Convocatoria de proxectos escolares

educaBarrié 2014-2015

O Proxecto Didáctico Arquitectura para nenos foi seleccionado na III Convocatoria de proxectos escolares educaBarrié 2014-2015. EducaBarrié é unha rede de persoas (profesores, estudantes, pais,
investigadores,..) interesados nun novo modelo de educación e unha plataforma www.educabarrie.org a
través da cal a Fundación Barrié apoia aos docentes e aposta polas novas tecnoloxías e a innovación
educativa.

Contido do programa didáctico

Arquitectura para nenos é unha iniciación á arquitectura en sentido amplo; unha indagación xeográfica, histórica, ecolóxica e formal sobre a vivenda e o seu sentido, a súa evolución e o medio que a rodea. O programa desenvólvese en conexión coas áreas de Ciencias da Natureza, Ciencias Sociais, Educación Artística e Inglés. Trátase dunha experiencia plástica sobre contidos arquitectónicos e dun estudo transversal para averiguar por que unha poboación ou unha especie se asenta nun territorio preciso. Descúbrese como se usan os materiais e xurden as técnicas, e invítase aos nenos a coñecer a paisaxe e reflexionar sobre o medio no que viven, converténdoos en axentes activos do seu contorno. O vocabulario específico trabállase no área de lingua estranxeira (Inglés).

Neste caso, a interacción co alumnado de 4º de primaria prodúcese a través da interpelación e a pregunta aberta, e persegue a consecución dun aprendizaxe por descubrimento. É unha proposta práctica dentro e fóra da aula para descubrir o territorio onde se vive e coñecer os rasgos elementais de arquitecturas próximas e remotas. Foméntase a acción do educando, unha actitude crítica cara á paisaxe e o construído, co fin de favorecer a formación do neno como axente responsable e sensible co entorno.

Para alcanzar aprendizaxes significativas, emprégase unha metodoloxía activa, na que o profesor é un facilitador do proceso e o alumno é quen constrúe o seu propio coñecemento.

O proxecto desenvólvese en sete bloques levando a cabo diversas actividades orientadas aos fins establecidos. Faise un percorrido desde os refuxios máis elementais (animais e home primitivo) ata a reflexión sobre o contorno próximo do centro escolar, onde o neno/a leva a cabo gran parte da súa actividade diaria. Entre estes dous puntos, analízanse distintos tipos de vivendas, as características dos materiais, o concepto de escala, a interpretación de planos, e adquírese novo vocabulario específico. Na última actividade, os alumnos fan propostas grupais para a zona de estudo elixida que quedarán reflectidas na súa propia maqueta.

Na actual sociedade do coñecemento, o neno debe aprender a aprender, saber localizar e filtrar a información onde se dan contidos significativos, para elaborar contidos propios.

Neste programa hai un achegamento a disciplinas alleas á programación curricular, tales como a Arquitectura, a Urbanística e a Antropoloxía, desde a base do que o neno xa coñece e lle é familiar. Arquitectura para nenos facilita a experimentación directa e a manipulación de novos materiais teóricos, prácticos e técnicos. Ademais, proporciona ao docente unha ferramenta-guía para descubrir a importancia da Arquitectura, non só enteñida como elemento construído, senón como condicionante da paisaxe e da vida.
Crease este espazo web para reunir as indagacións e o traballo dos alumnos, que servirá como medio de traballo e de difusión do proxecto.

Programa didáctico arquitectura para nenas/os

Sesión 1

O refuxio

Comportamento animal e humano

Sesión 2

A vivenda

Factores territoriais e sociais

Sesión 3

Antropometría

Medida e proporción

Sesión 4

A escala e o léxico arquitéctonico básico

Sesión 5

As ferramentas do arquitecto

Maqueta e plano

Sesión 6

O contorno próximo

Reflexión

Sesión 7

O contorno próximo

Actuación

1. O refuxio

Comportamento animal e humano

Unha sombrilla, unha manta, un sombreiro son obxectos para a protección e o abrigo. Os animais dispoñen de carapazas, escamas, plumas, peles. Os humanos usamos abrigos que nos protexen do frío, impermeables que nos protexen da choiva, cremas protectoras e gafas de sol.

Os animais poden ser grandes construtores. Hai paxaros con niños extremadamente elaborados. As térmitas constrúen grandes edificios en altura, os castores fan presas que propician a creación de zonas húmidas. Colmeas, formigueiros, conchas de moluscos, madrigueiras… un sinfín de curiosos refuxios nos que sobreviven individuos de todas as especies.

Os nosos antepasados homínidos, cuxo refuxio eran os árbores, aloxáronse aproveitando recantos, fendas, covas e outros enclaves naturais. Moito máis tarde, as primeiras construcións escaváronse en rochas, elevaronse sobre outeiros, buscando sempre esa protección inherente á arquitectura.

Os condicionantes dese refuxio primitivo foron a temperatura, o vento e a humidade. Os recursos dispoñibles: a tecnoloxía e os materiais. E o elemento determinante último, o modo de vida dos pobos.

En latitudes polares, os recursos son escasos e utilízase como material de construción a auga, en forma de bloques de neve aparellados en superficies de dobre curvatura ata formar iglús. Noutras rexións cercanas a canteiras, a pedra; a bosques, a madeira; se se trata de comunidades nómades, as peles; en desertos, os textiles. Existen múltiples combinacións e variantes de todos estes tipos. Refuxios que se transportan, refuxios que se moven sobre rodas ou mediante velas, refuxios sobre árbores e sobre o mar, refuxios baixo terra. Hai tantos tipos de refuxio como sociedades no mundo.

Práctica

Construción dun refuxio: partindo dun xogo de barras e nós, traballarase en equipo a construción dun refuxio para entender os sistemas estruturais.

2. A vivenda

Factores territoriais e sociais

Unha das características típicamente humanas é a condición bípede. Organizamos o noso mundo sobre a horizontal do chan, no que se asenta a vida. Desertos, bosques, chans, vales fluviais, costas rochosas… con chan húmido, seco, xeados; nos que se ensaiaron as máis variadas estratexias construtivas.

A nosa especie diversificouse en culturas moi diferentes. Hai milleiros de maneiras de vivir. Habitemos cidades enormes que se estenden como conurbacións ou que se elevan cara ao ceo. Tamén en forma de pequenas aldeas que salpican o territorio e se mantén illadas. Hai cidades labirinto, que poden ser percorridas de tellado en tellado, como Algiers. Hai cidades mastodónticas nas que millóns de familias viven unhas enriba das outras. Hai cidades con canais, con murallas. Hai cidades sen coches.

A casa é o lugar máis importante da vida, nela pasamos a maior parte do tempo. Normalmente agrupámonos en familias para compartir as nosas vidas, con espazos colectivos como a sala, onde habitualmente descansamos, pero na que tamén conversamos, traballamos, estudamos e xogamos. Nas casas tradicionais xaponesas, o espazo comunitario é moi importante, mentres que nas vivendas urbanas cada vez máis se tende a centrar a importancia no individuo. As casas holandesas organízanse en altura e soen dar importancia ao xardín.

En latitudes polares, os recursos son escasos e utilízase como material de construción a auga, en forma de bloques de neve aparellados en superficies de dobre curvatura ata formar iglús. Noutras rexións preto de canteras, a pedra; preto de bosques, a madeira; se se trata de comunidades nómadas, as peles; nos desertos, os textiles. Existen múltiples combinacións e variantes de todos estes tipos. Refuxios que se transportan, refuxios que se moven sobre rodas ou mediante velas, refuxios sobre árbores e sobre o mar, refuxios baixo terra. Hai tantos tipos de refuxio como sociedades no mundo.

Práctica

Construción dunha maqueta: A partir dunha caixa de cartón, cada neno construirá unha maqueta dunha vivenda imaxinada. Para iso, utilizará papeis de cores, rotuladores, tesoiras e cola.

3. Antropometría

Medida e proporción

O punto de partida en todo deseño é o home. A antropometría (medida do home) cumpre unha función moi importante na arquitectura, onde se empregan datos sobre a distribución de medidas corporais e adecualos aos espazos.

A arquitectura está subordinada a unhas medidas que a fan ou non habitable. Imaxinemos un edificio no que as fiestras están situadas por enriba das nosas cabezas e para asomarnos tivésemos que subirnos a un banco. Sería bastante incómodo e moi pouco funcional.
As medidas na arquitectura son esenciais para consolidar a triada firmeza-utilidade-beleza. A medida é fundamental para o cálculo estrutural, o cumprimento das funcións e a harmonía compositiva.

Le Corbusier, famoso arquitecto, creou o Modulor, un sistema métrico que relaciona as medidas do corpo e da natureza, para establecer unha base das medidas arquitectónicas. Le Corbusier dicía acerca da súa pequena obra Le Cabanon: “Teño un castelo na Costa Azul que ten 3,66 metros por 3,66 metros (…) Unha porta minúscula, unha escalera esixua e o acceso a unha cabana incrustada baixo os viñedos. Soamente o lugar é grandioso, un golfo soberbio con acantilados abruptos”.

Práctica

Replanteo dunha habitación tipo: partindo do plano dunha habitación estándar debuxado sobre papel cadrado, repodúcese á escala 1:1 a estancia utilizando cinta adhesiva de cores.

Medida de obxetos cotiáns: cada neno/a recibe unha cinta métrica para tomar as medidas da cadeira e da mesa que ocupan cada día.

Replanteo da túa  habitación:cada neno debuxará a planta da súa habitación sobre unha cuadrícula de 30 x 30 cm. Debe situar os principais elementos (portas, fiestras, mobiliario) e anotar as súas dimensións.

4. A escala e o léxico arquitéctonico básico

Neste mundo antropocéntrico, o home é a medida de todas as cousas que nos poñemos, que manipulamos, que habitamos. A arquitectura, como diciamos no capítulo anterior, para poder ser vivida cotiádamente ten que ter unhas medidas adaptadas aos nosos corpos, é dicir, ten que estar á escala humana. Como un camiño entre a maleza, a rúa dunha piscina olímpica, un avión e unha cama.

En arquitectura, non todos os edificios están á escala humana. Existe unha escala referida a unha orde superior, como a escala monumental dunha catedral, dun gran museo, dun palacio. Un rosetón é un gran oco circular na fachada dunha igrexa. Un rosetón é unha xanela que non serve para asomarse e gozar das vistas, é un oco polo que entra luz de cores para crear unha atmosfera máxica.

No Museo Guggenheim de Nova York, do arquitecto Frank Lloyd Wright, combínanse a escala humana e a monumental nun mesmo espazo. A rampa helicoidal pola que discorre o espazo do museo está a escala humana, o gran baleiro baixo o lucernario é unha escala monumental. Este museo é unha obra de arte que alberga obras de arte.

Todos tivemos na nosa man un coche de xoguete. Estes vehículos adoitan estar fabricados á escala 1:43, un tamaño 43 veces máis pequeno que un coche de verdade.

A escala da realidade coñécese como escala 1:1, e cando representamos gráficamente algo nesa escala, estamos utilizando as medidas reais. É unha escala que raramente se usa en arquitectura, é máis propia de disciplinas como a enxeñería e o deseño industrial, xa que serve para representar pequenas pezas como tornillos ou roscas, que admiten un marxe milimétrico de erro.

Un mapa de Europa que está á escala 1:20.000.000 dá un tipo de información, xa sexa física (tipos de territorio) ou política (lugares dos países). Un mapa á escala 1:50.000 pode dar outro tipo de informacións, como os asentamentos humanos ou as estradas. En arquitectura, úsanse escalas diferentes segundo o tipo de información. Un plano de emprazamento pode ter unha escala 1:1000 e serve para situar a obra nun lugar, o plano dunha planta pode estar a 1:100, un plano construtivo a 1:20. E así, canto máis grande é a representación, máis detalles se darán.

Práctica

Xogo das escalas: sobre diferentes elementos a distintas escalas debuxarase unha persoa (figura humana) ao tamaño que lle corresponda.

Architecture for kids: cada alumno fará unha redacción con parte do vocabulario do documento adxunto (ao menos 6 palabras das 30). Trátase dun relato individual sobre un tema arquitectónico co título «A miña casa favorita».

5. As ferramentas do arquitecto

Maqueta e plano

Traballo de campo: Nesta ocasión, a partir dun plano traballamos no seu contorno porque a tarefa é identificar os elementos do plano a partir da realidade e reelaborar información que non figura no plano.

  • Localización do norte, que nun plano soe situarse cara arriba por defecto. Tamén podemos averiguar isto a partir da posición do sol, a nosa sombra segundo a hora do día.
    Localizar a nosa posición. Na nosa sesión traballamos na Praza de Barcelos, que está nas inmediacións do colexio.
  • Situar elementos. Entradas de aparcadoiro, parterres, zonas da praza, fonte.
    Representación de desniveis no terreo (cotas e curvas de nivel) e circulacións verticais (escaleras e rampas).
  • Traballar pavimentos e texturas.
  • Mapeo perimetral da praza: pasos de cebra e conexións co contorno.

6: O contorno próximo

Reflexión

Sesión de reflexión sobre a maqueta do estado actual da Praza de Barcelos realizada á escala 1:100, onde cada alumno fai unha lista de vantaxes e inconvenientes deste espazo.

Amósanse exemplos de prazas doutras cidades do mundo, nas que se observan distintas formas de resolver os espazos de xogo para nenos, as zonas verdes, os camiños, o tratamento de pavimentos, as zonas de descanso, a presenza de auga na praza e a relación do peón co tráfico periférico. Ao mesmo tempo, entre todos detectan as carencias do colexio en canto a espazo para gozar da hora do recreo, así como a falta dunha área propia na porta principal da escola, xa que só conta coa beirarrúa que forma parte da rúa. Os alumnos chegan á conclusión de que todos estes problemas poden resolverse elaborando unha nova proposta para o contorno próximo.

Tras esta reflexión conxunta trabállase ao longo de dúas semanas de forma individual nunha nova proposta.

 

7: O contorno próximo

Actuación

Unha vez recollidas todas as propostas individuais formuladas polos alumnos para transformar o contorno próximo, combináronse os aspectos máis repetidos, buscando resolver os problemas da praza e as carencias do colexio, xerando unha proposta final composta polas distintas achegas dos nenos. Nesta última sesión, tivéronse en conta as consideracións que Francesco Tonucci fai no seu libro “A cidade dos nenos”. Como defensor das cidades nas que os nenos poden camiñar e dirixirse á escola sen compañía de adultos, afirma que “as rúas son perigosas cando non hai nenos. A liberdade permíteles ser máis responsables. Cando fixemos enquisas, os nenos apostaban por ir sós porque así podían falar entre eles”.

Explícase aos nenos como as súas propostas se integraron nun proxecto común e ábrese un debate no que expresan as súas opinións sobre o resultado, ademais de dúbidas e matizacións.