O proxecto xurdiu no CEIP Coirón-Dena no curso 2015/16 coa intención de que fosen os propios alumnos e alumnas os que construísen o seu patio e aproveitasen funcionalmente o currículo educativo a través dun proxecto real e significativo para eles. Elaborouse un proxecto de centro, cunha proposta detallada na que se definían os obxectivos e unha temporalización na que, ademais, se requiría a implicación de axentes externos. Con este punto de partida, taller aberto, como equipo técnico, comprometeuse a participar nesta primeira fase do proxecto con dúas premisas fundamentais:
- Traballar con toda a comunidade escolar.
- Obter un plano cunha nova proposta para o patio xurdida do traballo colaborativo.
Aínda que neste primeiro estadio non houbo transformacións materiais, si hai unha profunda reflexión a nivel comunitario para sentar as bases do cambio no que, en fases posteriores, deben implicarse outras institucións como a Concellería de Educación e o Concello de Meaño.
Ao longo dos meses de abril, maio e xuño de 2017, implicouse a comunidade escolar (alumnos, profesorado e familias) nun proceso de recollida de datos e aportación de ideas para a transformación do patio de xogo co obxectivo de convertelo nun espazo máis axeitado ás diversas actividades que se poden realizar durante o tempo de lecer que forma parte da xornada escolar. Ao igual que na aula se atende á diversidade do alumnado, o patio de xogo debe ser reflexo desta variedade e acoller diferentes formas de estancia e xogo.
Planteouse unha metodoloxía activa na que o equipo técnico recorreu a diferentes dinámicas dirixidas aos membros da comunidade escolar co fin de levar ás persoas que a conforman ao centro do proceso transformador, afastado do esquema tradicional no que o especialista dita os cambios e se executan sen a intervención do usuario final.
Ao longo deste proceso, recolléronse as impresións de todos os alumnos, desde infantil ata 6º de primaria, solicitaronse as opinións dos pais e nais e contouse coa visión do equipo de profesores para recabar unha recollida, tratamento e análise da información, que se utilizou para elaborar unha proposta que conta co rigor técnico e tamén cun fundamento realista baseado nos desexos, reflexións e intereses da comunidade escolar do CEIP Coirón-Dena.