Obradoiros transdisciplinares para centros de Educación Infantil, Primaria e Secundaria dentro do programa Sementeiras do ProxectoTERRA do Plan Proxecta+ 2022/2023, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Unha das principais características de Galicia é a súa riqueza paisaxística pola a súa situación xeográfica, a cercanía do océano, as altas serras orientais, a variada climatoloxía e unha elevada diversidade biolóxica. (Lei 7/2008, de 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia).
O noso territorio debe facilitar a conservación da paisaxe en convivencia cunha actividade humana que en todas as súas dimensións (económica, social, patrimonial e ambiental) sexa respectuosa. Un territorio ordenado non significa o impulso da paisaxe como estampa contemplativa fronte ao espacio vital de traballo e desenvolvemento de actividades cotiás, senón un que promove un equilibrio sostible entre conservación e desarrollo.
Por iso, as vilas e cidades deben organizar a construción de vivendas, a ubicación de áreas industriais ou os equipamentos educativos e sanitarios segundo a vida de todas as persoas, ademais de ter en conta que espazos deben respectarse polo seu valor patrimonial e ambiental.
A valoración do entorno próximo e o coñecemento da paisaxe son fundamentais para respectalo e entender que o territorio é unha construcion colectiva á que todos debemos contribuír para a súa conservación mediante boas prácticas. Un bo punto de partida é a introdución na escola de contidos relacionados co urbanismo que conduzan á reflexión e fagan pensar sobre a súa diversidade e organización. Unha ordenaciòn axeitada do territorio contribúe, ademais de a unha mellor calidade de vida dos habitantes, a un maior equilibrio medioambiental garantindo solucións sostibles de habitabilidade, transporte ou ocio.
Este é un obradoiro plástico no que as cuestións urbanísticas son tratadas desde un punto de vista creativo. Primeiro faise unha introdución do tema onde o debate e a pregunta aberta conducirán a sesión. A continuación procederase a facer un exercicio individual que parta da reflexión colectiva onde cada participante expresará plasticamente os conceptos traballados.
Obxectivos
– Coñecer a variedade paisaxística de Galicia e as distintas formas do seu territorio
– Entender a importancia da paisaxe e o territorio na vida das persoas
– Comprender que cada un dos habitantes dun territorio pode favorecer a súa sostenibilidade