Talleres para o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra é un espazo que serve de punto de encontro entre o mundo dos libros e os lectores máis novos. Xurdiu en 1999 por iniciativa dun grupo de persoas amantes da lectura co patrocinio do Concello de Pontevedra. Desde os seus comezos foi ampliando a variedade de actividades que ofrece, así como os seus contidos, e incorporando novidades que contribúan a atraer todo tipo de públicos.

Ao longo das súas vinte e catro edicións, foron numerosas as institucións e colectivos que achegaron as súas ideas e actividades para achegar a lectura á infancia e xuventude. Trátase dun evento cultural plenamente consolidado e avalado pola súa permanencia no tempo. O noso colectivo participa desde 2017 con actividades en torno á expresión plástica, a arte e a arquitectura.

2023

A cidade como taboleiro de xogo

O xogo é unha actividade consustancial á cultura humana e fundamental no desenvolvemento das persoas. Pode presentarse delimitado por regras, cando é estruturado, ou é libre, pero sempre aparece contextualizado nun espazo concreto. Neste sentido, a cidade pode ser un territorio lúdico onde xogar e desenvolver a imaxinación e a creatividade empregando prazas, rúas e espazos verdes para brincar.

Proponse un obradoiro onde percorrer a nosa vila e mirar os espazos con ollos “lúdicos” aproveitando os elementos que o conforman como pezas de xogo para implementar propostas onde a acción (agatuñar, correr, debuxar, observar, recoller, apilar, etc) é inspirada polo lugar onde se desenvolve. Trátase de fomentar o uso e condición da rúa como territorio para a o xogo e a creación da cativada poñendo en valor o patrimonio e o entorno póximo.

Obxectivos

Promover o uso da cidade como espazo de aprendizaxe a través do xogo.

Entender as posibilidades lúdicas que ofrece o espazo urbano.

Coñecer alternativas de ocio que están lonxe do electrónico e o virtual.

 

2022

Tras a pista. Cidades con arte

A arquitectura era considerada na época clásica como unha das principais manifestacións artísticas do ser humano. Na actualidade apenas se percibe como unha arte asumíndoa como o soporte onde se desenvolve a maior parte da actividade humana. Neste obradoiro familiar proponse unha introdución á arquitectura a través da cidade mediante unha actividade que mestura historia e expresión plástica coa fin de coñecer a contorna de xeito lúdico e comprender que a mestría das edificacións contribúe á beleza dos lugares onde vivimos.

Exploradores creativos

A Illa do Covo é un gran contedor de arte ao aire libre cunha colección de pezas de land art de artistas moi relevantes. Ademais destas recoñecidas obras, o propio espazo pode converterse nun gran laboratorio creativo onde experimentar cos materiais e as formas que a natureza pon á nosa disposición. Neste obradoiro proponse unha actividade de exploración na que percorreremos a illa observando e probando distintos materiais naturais nunha actividade lúdica onde a arte se mestura coa creatividade e o desfrute da natureza.

 

2021

Espazos que ensinan: cidade e medio ambiente 

Proponse unha actividade familiar que consiste nun roteiro pola Illa do Covo para subliñar tanto o valor natural da contorna como as pezas de arte que a converten nun museo ao aire libre. Incidirase nas súas características de espazo de lecer facendo fincapé na importancia do seu coidado como espazo natural a conservar no que hai que respectar a flora e a fauna. Estas son as responsables da boa calidade da auga, o aire e o chan, ademais de ser os mellores indicadores do estado de saúde dos ecosistemas.

Está destinada a nenas e nenos de 5 a 10 co obxectivo de promover o coñecemento dun xeito divertido a través do xogo. Este paseo consciente aumenta os seus beneficios se a/o nena/o vai acompañada/o dun adulto, pois establécese un principio de complicidade  entre este e o a/o cativa/o: trátase dunha actividade na que se da unha aprendizaxe colaborativa interxeracional onde todos cultivan determinados valores.

Este paseo consciente de observación farase cun caderno de ruta no que cada grupo familiar poderá ir completando unha serie de actividades propostas en relación a o espazo que se percorre.

É unha actividade didáctica onde se combinan observación e traballo plástico nun exercicio de apreciación da contorna próxima e valoración da paisaxe

2020

Ilustrando o humor de Castelao

Partindo da obra “Cousas de Nenos” de Castelao, humorista gráfico galego por excelencia, propoñemos un obradoiro creativo onde nenas e nenos transformarán as palabras en imaxes que complementen uns textos onde o humor sempre é o protagonista. Trátase dunha actividade familiar na que compartir lecturas e debuxos
para fomentar a imaxinación.

2019

Debuxos a mares. Ilustrando poemas de Antonio García Teijeiro 

A obra deste premiado autor é o punto de partida dun obradoiro creativo onde nenos e nenas
transformarán as palabras en imaxes que complementen uns textos onde o mar sempre é o
protagonista. Trátase dunha actividade familiar na que compartir lecturas e debuxos para
fomentar a imaxinación.

2018

Cóntame outra

Obradoiro no que se reinterpreta o costume dxs maiores de contar contos a fillxs e netxs. Nesta ocasión, recupéranse os contos tradicionais cunha nova perspectiva de xénero actualizando o papel da muller nas historias de sempre. Debuxar e narrar visualmente converte a acción de contar contos nun diálogo.

Eu son…

Obradoiro  de creación de personaxes femininos que fan traballos fundamentais na sociedade e  imprescindibles nas nosas vidas: astronautas, científicas, bombeiras, enfermeiras, paracaidistas…

2017

Casas sostibles

Obradoiro de xogo entre nenos e adultos que pon en valor modos de vida sensibles co hábitat e permite coñecer as estratexias máis sinxelas da arquitectura bioclimática.

Novas na Terra

Actividade plástica de ilustración que recolle as mellores novas en relación coa ecoloxía e o patrimonio natural, así como actividades humanas solidarias en todos os ámbitos do mundo que queremos: medio ambiente, saúde, igualdade, integración, accesibilidade, investigación…

Infinito mar

Unha dinámica dirixida para un taller lúdico. Unha inmersión creativa de nomes, formas e cores no fondo do mar para unha inmensa composición colectiva.

Cóntame un cadro

Taller familiar de descuberta dos valores que agochan as obras de arte. Actividade de análise dos valores, que invita á posta en común entre maiores e pequenos sobre os sentimentos e os principios sociais e humanos que fan mellorar o mundo. Propónse unha dinámica de creación dun obxecto plástico.