Re-coñecendo o castelo: arquitectura e natureza

tallerabierto_arteparaniñas_trasasames_deputacionpontevedra

Na contorna do Castelo de Sobroso existe un parque forestal dunhas 30 hectáreas de monte composto por 84 especies diferentes. Neste espazo atopamos unha senda circular con información botánica sobre especies vexetais características do bosque atlántico (carballos, aciveiros, sobreiras, castaños…) a través de paneis informativos. O seu percorrido é accesible, cunha lonxitude que non chega a un kilómetro. Un agradable paseo onde tamén atoparemos árbores frutais, camelias e cipreses.

Neste contexto privilexiado proponse unha actividade para coñecer as características da paisaxe, que ten unha dobre dimensión, a didáctica e a creativa:

Dimensión didáctica

Experiencia sensorioperceptiva de desfrute e descubrimento dos sons, as cores, e todas aquelas características organolépticas que se poden apreciar nun espazo natural. Nela entablarase un diálogo participativo onde se falará de cuestións medioambientais e curiosidades relacionadas coa natureza.

Dimensión creativa

Tras un percorrido por esta senda botánica chegaremos a zona de descanso con mesas e bancos para realizar unha actividade de reinterpretación do mapa de situación do Castelo, de xeito creativo, identificando as partes que conforman a edificación para recoñecer os elementos principais dunha tipoloxía arquitectónica defensiva de época medieval e as especies vexetais que o arrodean. Explicarase vocabulario específico descubrindo, por exemplo, a orixe do nome do castelo, moi relacionada coa paisaxe arbórea do lugar.

Obxectivos didácticos

Conectar ao neno/a coa súa contorna

Coñecer a historia do Castelo de Sobroso e a etimoloxía do seu nome

Valorar o patrimonio construído

Identificar e interpretar os elementos dun plano

Fins do obradoiro

Promover o coñecemento sobre o noso patrimonio

Desenvolver o sentido da observación

Espertar no/a neno/a a interese pola arquitectura e a paisaxe