A cidade na aula:
Proxecto pedagóxico de educación infantil

Este proxecto pedagóxico xurdiu da necesidade de valorar o modelo municipal da cidade de Pontevedra, onde a persoa ten un papel protagonista. Para valorar, é necesario dar a coñecer, e o escenario principal onde se produce o coñecemento é a escola.

Cando as mestras de educación infantil no CEIP Xunqueira I nos fixeron unha proposta de traballo colaborativo sobre a cidade (tema que elas desenvolveron durante o curso nas súas programacións), estableceuse a ocasión para levar adiante este proxecto. Trátase, por tanto, dun traballo concebido desde a súa formulación como unha estreita colaboración coas docentes, que proporcionaron as ferramentas didácticas para guiar o proceso de aprendizaxe-ensino cos seus alumnos e alumnas.

O programa introduce a cidade na aula e permite á aula saír á cidade, ao mesmo tempo que achega o contorno aos nenos de quinto nivel de educación infantil. Por unha banda, a cidade está representada pola diversidade de escolares e, por outra banda, os nenos constrúen ao tempo que contextualizan os seus aprendizaxes. O proxecto constitúe unha experiencia espazo-temporal no medio físico, natural e construído que se desenvolve en tres bloques integrados e interdependentes: un engloba aos outros como conxunto de saberes interrelacionados. Sair da aula e introducir elementos da cidade na mesma orixina un fluxo de información que vai do xeral ao particular e do particular ao xeral, e promove nos nenos tanto procesos lóxico-deductivos como creativo-inductivos.

O programa é transferible a calquera outra realidade escolar rural ou urbana do Concello de Pontevedra, xa que os elementos son flexibles e abertos e cada mestre pode xerar contidos propios, segundo os seus desexos, intereses e recursos.

BLOQUES

O espazo que ocupo. En conexión co área Coñecemento de si mesmo e autonomía persoal, ten como base a persoa como suxeito activo que coñece, valora e interveñe no contorno. Os contidos sobre os que se desenvolven as accións son: o corpo e a propia imaxe, xogo e movemento, actividade cotiá e coidado persoal.

O lugar que habito. Ten como centro a comunidade e apoia-se no modelo da cidade de Pontevedra, que grazas ás políticas municipais hoxe é unha cidade humanizada na que o peón gaña o espazo que lle foi arrebatado polo coche. Esta circunstancia propicia a aparición dunha reapropiación do espazo público que favorece as relacións humanas densas, un espazo que fai comunidade. Este bloque está vencellado ao área Linguaxes: comunicación e representación, e a cidade é ao mesmo tempo axente e escenario comunicador e educador. Os contidos de área que se traballan neste bloque son a linguaxe verbal (escoita activa, fala, conversa, aproximación á lectoescritura) e linguaxe artística (plástica, musical, corporal).

O territorio que vivo. O obxecto deste bloque é o contorno, un espazo natural no que se insire a nosa cidade dentro do área Coñecemento do contorno, un achegamento á natureza, ao medio físico como elemento de relación e medida, e á cultura e vida en sociedade, para valorar o medio ambiente, adquirir hábitos de vida sostibles e promover condutas favorables e proactivas para a mellora da convivencia cidadá.

Ligazón ao vídeo: