Este proxecto xurde no CEIP O Grupo (Ribeira), a través dun grupo de traballo coordinado polo CAFI. O obxectivo é levar ás persoas que o conforman ao centro do proceso transformador, afastado do esquema tradicional no que o especialista dita os cambios e se executan sen a intervención do usuario final. Búscase unha gran reflexión do grupo que impulsará o cambio para, en fases posteriores, facer unha transformación física do espazo. Se cada individuo é axente transformador aportando as súas opinións e propostas, todos se sentirán parte do cambio e asumirán a nova configuración do recinto como unha construción propia.
Resumo da proposta
- Organizar horarios de patio diferentes entre infantil e primaria para que todos poidan gozar de todos os espazos exteriores do centro. Propónse unificar o espazo para unha maior diversidade de usos.
- Levantar pavimento da entrada principal e eliminar o pechado das xardineiras permitindo acceder ao patio de primaria desde os dous laterais do edificio principal.
- Reducir o espazo de pistas deportivas a unha única pista para que deixe de ocupar o espazo central do patio mantendo só o pechado no perímetro do novo espazo pista.
- Incorporar máis árbores nos patios de infantil e primaria.
- Eliminar valla de separación entre o patio cuberto e o patio de infantil.
- Eliminar pavimento de caucho, tobogáns e balancíns e incorporar máis elementos reciclados para fomentar o xogo libre: troncos, rodas, cordas, caixas e teas.
- Incorporar zona de horta en infantil.
- Centrar o areeiro no patio de infantil e construír un banco corrido no seu perímetro.
- Incorporar estruturas metálicas e de madeira para trepar.
- Picar puntualmente o pavimento no patio de primaria para crear novas zonas verdes combinando estas zonas con outras pintadas segundo o plano.