O PMUS (Plan de mobilidade urbana sostíbel) é o conxunto de medidas relacionadas coa mobilidade que resultan da esixencia de cumprir normativas sobre cambio climático e transición enerxética. A mobilidade afecta a toda a poboación e é necesaria que a súa planificación satisfaga as necesidades de todas as persoas.
O Concello de Pontevedra atópase redactando o seu plan e precisa da participación cidadá para coñecer o parecer da veciñanza sobre as medidas adoptadas. Neste proceso proponse unha actividade de tipo familiar na que se se falará de cidade, espazo público e mobilidade nunha proposta lúdica na que nenas e nenos serán protagonistas. Celebraranse dúas sesións no edificio Castelao do Museo Provincial de
Pontevedra para as que se elaborará material ad hoc. Cada nena/o poderá participar acompañada/o dun ou dous adultos e percorrerán a pé ou bicicleta por distintos espazos da cidade promovendo a observación e o paseo consciente e a mobilidade activa.
Por outra banda, levaranse a cabo tres sesións informativas abertas á cidadanía onde se expliquen a fundamentación do plan de mobilidade e se recollan as opinións da veciñanza que logo poderán ser incorporadas ao documento final redactado polo
Concello. Estas terán lugar en tres centros veciñais de distintas áreas da cidade para obter unha visión ampla de veciños e veciñas con distintas experiencias sobre mobilidade. Para esta actividade producirase material específico que facilite as dinámicas participativas.
En ámbalas dúas actividades distribuirase un completo cuestionario de elaboración propia onde os participantes poderán aportar as súas opinións de xeito exhaustivo.
A cidadanía de Pontevedra poderá facer aportacións ao PMUS ata o 31 de xullo e, despois do verán, celebrarase un gran evento sobre mobilidade (PMUS Party) onde se seguirá informando á veciñanza das medidas do plan e haberá unha serie de actividades lúdicas para concienciar sobre a importancia do espazo público e o coidado do medio ambiente.
Ao remate destas actividades redactarase un informe final que recolla as conclusións extraídas dos procesos participativos e as respostas da cidadanía recollidas a través da web que o Concello ten en marcha para esta fin.