Laboratorio de infancia

PARTICIPA NO FUTURO DA INFANCIA DE PONTEVEDRA

Programa impulsado pola Concellería de Educación do Concello de Pontevedra con financiación europea dos fondos da Estratexia de Desarrollo Urbano Sostible Integrado (EDUSI)

A infancia é un sector de poboación valioso tanto polo seu potencial futuro como pola súa condición de herdeiros do patrimonio e a cultura propias, ademais de ser os construtores da sociedade do mañá. Isto fai que deba atenderse, cubertas as obvias necesidades básicas, a unha serie de aspectos esenciais arredor dos que estamos a xerar unha estratexia na que a infancia se sitúa no centro da análise para definir liñas de actuación que posibiliten o desenvolvemento de diversas accións que melloren a súa situación e permitan o cambio de determinadas dinámicas para acadar os obxectivos buscados.

A estratexia a desenvolver é froito dun debate en cinco grupos interdisciplinares de traballo centrados nuns temas concretos: Espazo público | Medio ambiente | Sociedade | Vida saudable | Cultura

Nestes temas clave, ademais da infancia, a educación é o gran eixo transversal que sustenta todos os debates, sendo ao tempo abordados con perspectiva de xénero e carácter inclusivo.

Esta proposta parte do potencial educador da cidade e pretende construírse de xeito colaborativo, por isto, despois de traballar cos nenos e nenas de distintos centros educativos do concello, neste mes de marzo abrirase ao público xeral a través de foros abertos. Os membros dos LABs terán un encontro coa cidadanía para expoñer as conclusións das mesas de traballo. Será nestes relatorios abertos onde exporán as conclusións da mesa buscando a participación do público asistente. Deste xeito os interesados poderán participar facendo suxerencias, comentarios ou aportacións que poderán ser engadidas no deseño da estratexia final.