Aínda que no último século cambiou o papel social da muller, o perfil profesional está asociado tradicionalmente aos coidados. Existe unha concepción dualista que opón o traballo remunerado, o espazo público e a economía á reprodución, que non se paga, que pertence ao campo privado e que é doméstico e invisible. Nesta quebra do modelo de reprodución social, a muller considérase suxeito político e cultural só no espazo do emprego remunerado e non na cadea de coidados sostidos sobre a explotación, que cubren desde a transferencia xeracional (os coidados das avoas) a mulleres que contratan a outras mulleres en condicións de precariedade laboral.
O proxecto
Formúlanse unha serie de 4 talleres interxeracionais para público familiar para traballar a perspectiva de xénero a través da expresión plástica, onde se coserán emocións mediante materiais diversos (iconográficos, textuais, ideográficos) nun proxecto creador colaborativo de construción dun relato sobre o traballo da muller. Analizaranse valores que agochan as obras de arte, convidando á posta en común de maiores e pequenos sobre os sentimentos e os principios sociais e humanos que son a base do traballo de coidados, formalizándose nunha obra plástica feita en común por parellas.
Este proceso creador busca cambiar a perspectiva que perpetúa as actitudes non igualitarias entre xéneros, que constitúen prácticas de presión de baixa intensidade, legitimadas polo entorno social. Comprende un campo amplo de manobras interpersoais e señálase como base das distintas formas de violencia de xénero.