O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra é un espazo que serve de punto de encontro entre o mundo dos libros e os lectores máis xoves. Xurdiu en 1999 pola iniciativa dun grupo de persoas amantes da lectura co patrocinio do Concello de Pontevedra.

Nesta edición, taller abierto desenvolve a seguinte actividade pensada para público familiar:

Espazos que ensinan: cidade e medio ambiente 

A preocupación polo cambio climático, a sostibilidade, o medio ambiente e o noso futuro no planeta é cada vez maior na sociedade. Nos últimos tempos fíxose moi patente a necesidade de coidar o planeta e de deixar de lado hábitos cotiáns que non favorecen a súa conservación.

A aprendizaxe dunha conciencia medioambiental é un proceso paulatino no que todos somos mestres e aprendices, por iso é un contexto ideal para desenvolver en familia. Lonxe de pensar que son os adultos os que deben ensinar a nenos e nenas, moitas veces son os pequenos e pequenas os que dan leccións aos seus maiores.

Proponse unha actividade familiar que consiste nun roteiro pola Illa do Covo para subliñar tanto o valor natural da contorna como as pezas de arte que a converten nun museo ao aire libre. Incidirase nas súas características de espazo de lecer facendo fincapé na importancia do seu coidado como espazo natural a conservar no que hai que respectar a flora e a fauna. Estas son as responsables da boa calidade da auga, o aire e o chan, ademais de ser os mellores indicadores do estado de saúde dos ecosistemas.

Está destinada a nenas e nenos de 5 a 10 co obxectivo de promover o coñecemento dun xeito divertido a través do xogo. Este paseo consciente aumenta os seus beneficios se a/o nena/o vai acompañada/o dun adulto, pois establécese un principio de complicidade  entre este e o a/o cativa/o: trátase dunha actividade na que se da unha aprendizaxe colaborativa interxeracional onde todos cultivan determinados valores.

Este paseo consciente de observación farase cun caderno de ruta no que cada grupo familiar poderá ir completando unha serie de actividades propostas en relación a o espazo que se percorre.

É unha actividade didáctica onde se combinan observación e traballo plástico nun exercicio de apreciación da contorna próxima e valoración da paisaxe.