Obradoiros para escolares de infantil. Fundación Filomena Rivero Alonso (Redondela)
A preocupación polo cambio climático, a sostibilidade, o medio ambiente e o noso futuro no planeta é cada vez maior na sociedade. Nos últimos tempos fíxose moi patente a necesidade de coidar o planeta e de deixar de lado hábitos cotiáns que non favorecen a súa conservación. A aprendizaxe dunha conciencia medioambiental é un proceso paulatino no que todos somos mestres e aprendices, por iso lonxe de pensar que son os adultos os que deben ensinar a nenos e nenas, moitas veces son os pequenos e pequenas os que dan leccións aos seus maiores. O espazo natural debe respectarse conservando a flora e a fauna xa que estas son as responsables da boa calidade da auga, o aire e o chan, ademais de ser os mellores indicadores do estado de saúde dos ecosistemas.
Proponse a realización dun material didáctico destinado a alumnado de infantil onde se combinan observación e traballo plástico nun exercicio de apreciación da contorna próxima e valoración da paisaxe.
Os nenos e as nenas guiados/as polas súas mestras desenvolverán unha serie de actividades propostas en relación á contorna próxima á escola experimentando cos materiais e formas que a natureza pon á nosa disposición.
Obxectivos
– Valorar a contorna próxima
– Comprender a importancia do coidado do planeta
– Entender a importancia do medio natural na vida das persoas.
– Fomentar o interese na natureza e o medioambiente.