O arquitecto Domingo de Andrade (1639 – 1712) homenaxeado no día das Artes galegas 2020-2021. Foi un artista de forte perfil intelectual e é un representante fundamental do barroco europeo. As súas obras máis importantes levounas a cabo en Compostela, contribuíndo a consolidar o corazón da cidade tal e como o coñecemos hoxe en día. A escaleira helicoidal de San Domingos de Bonaval ou a Torre do Reloxo da Catedral son algunhas das súas obras máis salientables, sendo insignias da arquitectura europea.
Este obradoiro pretende dar a coñecer a figura do grande arquitecto galego a nenas e nenos de primaria. A través dun percorrido contextualizado pola traxectoria deste gran home explicando as características da arquitectura barroca aos participantes e as
orixes do seu traballo incidindo na importancia das súas obras como elementos transformadores da traza urbana compostelá. Trala presentación inicial desenvolverase unha actividade plástica mediante material específico producido para esta sesión. A través dela profundizarase nos conceptos explicados ao inicio permitindo que a creatividade sirva de elemento dinamizador da aprendizaxe.
Obxectivos
Coñecer a obra de Domingo de Andrade
Comprender o poder transformador da arquitectura
Entender as características do estilo barroco
Apreciar o patrimonio que nos rodea