O Día das Artes Galegas 2022 estivo adicado a José Otero Abeledo, coñecido artísticamente como Laxeiro, e con este motivo deseñamos unha actividade centrada na figura dun artista que participou da renovación da pintura galega nos anos 30 do século XX e que levaremos a distintos centros escolares da provincia.
As súas formas de liñas curvas son características, evolucionando desde a figuración con estética granítica ata a abstracción xestual de cores planas da súa última época.
Neste programa de obradoiros proponse unha achega á figura dun dos artistas máis importantes da Historia da arte galega mediante unha metodoloxía activa e participativa para adentrarse nun universo no que o horror vacui é unha constante.
Obxectivos
- Coñecer un dos artistas máis importantes da cultura galega do século XX
- Identificar os rasgos que caracterizan a obra de Laxeiro
- Entender as manifestacións artísticas como outro medio de expresión de ideas
Destinatarios
Alumnado de 3º de primaria.
Máximo de 25 nen@s / sesión.