O primeiro luns de outubro celébrase o Día Internacional da Arquitectura e en numerosas poboacións se desenvolven distintas actividades para conmerar dita data. A arquitectura é unha disciplina complexa que reúne diferentes saberes, pero a miúdo só se identifica cunha actividade construtiva. Déixase de lado a súa dimensión sociolóxica, antropolóxica, xeográfica, creativa e fundamentalmente educadora desaproveitando a oportunidade de enriquecer a formación das persoas nun eido como o territorio e a paisaxe ou a Historia.
Partindo da convicción de que a arquitectura ten a capacidade de mellorar a vida das persoas, propóñense unha serie de obradoiros que a acheguen a nenas e nenos de primaria. Abordaranse catro actividades diferentes centradas en conceptos e temas clave que axuden aos participantes a iniciarse nunha materia que, habitualmente, non se asocia cos máis pequenos.
As ferramentas da arquitecta
As arquitectas e arquitectos deben manexar unha serie de elementos e conceptos que lle permiten desenvolver o seu traballo de maneira axeitada. Neste obradoiro falaremos de escala e das dimensións que deben ter as cousas para adaptarse á escala humana.
Do plano á maqueta
Unha construción materialízase en tres dimensións, pero é necesario facer un paso previo, o plano, no que se describen con precisión as dimensións, forma e materiais do
que logo será edificado. Proponse un obradoiro onde saltar das dúas ás tres dimensións poñendo en xogo os mecanismos de visión espacial necesarios para entender o volume do previamente debuxado.
Recoñecendo a cidade
As cidades xorden con distintas orixes e vanse conformando pola superposición de tecidos que responden a formas de construir e entender como debe habitarse o espazo. Este é un obradoiro onde aprender a recoñecer a forma urbana segundo a época e a entender o porqué da súa estructura segundo a época.
Imaxina o teu museo
A imaxe da cidade está en constante cambio debido as modificacións que se fan na súa estrutura polas novas vías, equipamentos e edificacións que se insertan na súa trama. Nesta sesión os participantes poderán coñecer como se combina o existente co novo nun exercicio plástico onde facer unha proposta alternativa de arquitectura
contemporánea para o edificio Castelao.