Consello da Infancia
Garantir as necesidades da poboación infantil é garantir as necesidades do resto da poboación. Desta máxima parte o proxecto italiano “A cidade dos nenos” do pedagogo italiano Francesco Tonucci que deu lugar á creación dunha rede internacional de cidades adheridas, entre as que se atopa desde 2013 Pontevedra.
A atención das satisfaccións e intereses da infancia na nosa cidade é a idea central da proposta porque unha cidade mellor para os nenos e as nenas será moi probablemente tamén unha cidade mellor para todos e en especial para sectores desfavorecidos. Non tería sentido pensar nunha cidade mellor para eles e elas sen contar coa súa colaboración directa como destinatarios. A creación do Consello da Infancia de Pontevedra pretende formar parte do conxunto de iniciativas de participación cidadá que abre procesos complementarios aos convencionais.
Esta participación infantil terá como marco de actuación a Convención de los Derechos del Niño (CDN) que recoñece o dereito da infancia á liberdade de expresión, información e asociación, a ser escoitada e a participar na vida social, entendéndose como un proceso educativo que debe permitir ás nenas e aos nenos reflexionar críticamente, expresar opinións e propostas, reivindicar dereitos e melloras sociais, dialogar e chegar a acordos, elexir e ser elexidos representantes ou involucrarse activamente en iniciativas.
Proceso de elección das nenas e nenos do Consello da Infancia
A elección das nenas e nenos será democrática e facilitará a entrada no Consello do alumnado dos 18 centros escolares do Concello. Para a súa elección farase difusión por todos os centros educativos, onde se buscará a colaboración dos docentes de 4º e 5º de Primaria para que presenten o programa nas aulas destes niveis educativos e repartan o material divulgativo deseñado para que o alumnado poida inscribirse como interesado/a, sempre co consentimento dos pais/nais/titores e co compromiso de participación ao longo do ano escolar.
Unha vez recollidas as inscricións levarase a cabo un sorteo para elexir catro candidatos/as por centro.
O grupo será de idades comprendidas entre os 9 e os 11 anos, dúas nenas e dous nenos, coa fin de facer con estes catro seleccionados un novo sorteo para escoller un representante por centro. Deste xeito, quedarán 3 suplentes por centro garantindo un número igual de nenas e nenos tendo en conta unha pluralidade integradora.
Obxectivos do Consello da Infancia
– Crear un espazo de encontro, favorecendo a aceptación da diferenza entre iguais.
– Favorecer a responsabilidade, autonomía, autoestima e desenvolvemento dun autoconcepto positivo a través da capacidade de autoxestionarse na toma de decisións.
– Facilitar á infancia tanto espazos como ferramentas para aprender e experimentar procesos participativos na súa cidade (experiencias relacionais, non virtuais)
– Traballar desde un enfoque de dereitos da infancia como punto de partida para aumentar a participación infantil.
– Situar no centro aos nenos e nenas de Pontevedra para aumentar o seu propio interese pola participación e favorecer procesos de aprendizaxe e transformación individual/colectiva en base as súas necesidades.
– Traballar desde unha perspectiva de xénero e diversidade.
– Formación en ODS adaptado a idade evolutiva.
Funcións do Consello da Infancia
– Difundir as inquedanzas e intereses da infancia de Pontevedra.
– Propoñer iniciativas para promover os dereitos da infancia ou atender outras necesidades deste sector de poboación.
– Colaborar co Concello actuando como canle de comunicación das opinións de nenos e nenas, sen prexuízo dos procedementos de consulta directa que estos poidan levar a cabo.