Camiño escolar seguro CPI Progreso de Catoira

tallerabierto_arquitecturaparaniñas_os_caminosescolares

O concello de Catoira está situado na comarca de Caldas e ten unha superficie de 29.44 km. A súa poboación é de 3349 habitantes e está repartida en catro parroquias: ao norte está situada Oeste, ao sur Abalo, ao leste Dimo e no centro está a de Catoira, na que se sitúa o CPI no que se desenvolveu este poxecto pedagóxico enmarcado dentro da Estratexia de Mobilidade 3.0  da Deputación de Pontevedra.

O CPI Progreso é un colexio público integrado ao que acuden nenas e nenos  desde os 3 ata os 16 anos. Trátase dun centro de gran tamaño no que estudan 390 rapaces que se sitúa á beira da estrada PO-8702 . A maioría dos estudantes se trasladan ao centro cada día en transporte escolar ou no vehículo particular da súa familia. Só unha pequena porcentaxe vai ao colexio camiñando, e isto se debe á enorme dispersión do concello e á falta de preparación do viario para albergar os desprazamentos peonís.

O acceso ao colexio faise por dúas entradas fundamentais en función do medio de trasporte empregado. O acceso oeste, a través da vía da Deputación é o empregado polos nenos e nenas que chegan no automóbil familiar ou a pé. É tamén por esta vía pola que entran ao centro os docentes de primaria e secundaria. A entrada leste é a do acceso de autobuses e pola que chega a maioría do alumnado. A este tráfico pesado únense os vehículos particulares dos pais e nais dos nenos da etapa de infantil que tamén teñen a súa entrada por esta vía.

Os principais problemas detectados foron os seguintes:

_ Falta de beirarrúas ou deficiente dimensionado das mesmas.

_Falta de pasos de peóns que faciliten o desprazamento á pé sempre que as distancias o fagan posible.

_ Falta de espazo de estacionamento para os vehículos particulares que trasladan aos escolares nas horas punta de entrada e saída. Isto ocasiona invasións da vía e da beirarrúa obrigando aos peóns a ter que circular pola estrada.

_ Escaseza de sinalización vertical e horizontal que asegure o camiño.

_ Falta de claridade nos itinerarios producíndose situacións de perigo pola mestura de peóns e automóbiles.

A observación destas particularidades leva a escoller unha área de traballo que conecta a zona urbana máis próxima co centro de ensino. Para isto será necesaria a reforma de varias vías escollidas por ser as de máis tránsito peonil, segundo os datos recollidos durante a observación da contorna nos estudos de campo, nos encontros cos membros da comunidade escolar e cos representantes do Concello. Estas vías sufrirán a remodelación da súa sección e unha ordenación dos tráficos rodados para transformar a contorna do CPI Progreso nun espazo apto para camiñar.