Caderno de arquitectura. A forma urbana de Pontevedra

Publicación didáctica

O caderno de arquitectura é unha guía visual sobre Pontevedra cun marcado carácter didáctico. Ao longo das súas páxinas explícase a orixe da cidade e os distintos tecidos que a conforman para logo resaltar unha serie de edificacións que as veces pasan desapercibidas e son de interese polo seu valor arquitectónico en distintas épocas tanto pola súa modernidade no momento da súa construción como pola súa singularidade hoxe en día.

Este recurso destínase a público escolar co obxectivo de achegalo ao noso patrimonio máis aló daqueles monumentos ben recoñecidos. É unha introdución á arquitectura a través da cidade propia onde a historia de Pontevedra se explica mediante a súa transformación urbana.

Obradoiros nos centros educativos da cidade

Desde o Concello proponse unha actividade de balde para os centros educativos onde nenas e nenos aprenderán a distinguir as diferentes morfoloxías urbanas e as tipoloxías propias de cada época histórica. Trátase dun obradoiro onde se mesturan a historia, a arquitectura e a expresión plástica nunha sesión chea de creatividade que ten como fin coñecer o contorno próximo de xeito lúdico.