Novos cinemas é un festival de cine no que novos directores e directoras presentan as súas óperas primas ou segundas. Trátase dun evento cinematógrafico moi completo onde, ademais da parte de exhibición, hai unha ampla oferta formativa para distintos públicos. Neste eido taller abierto imparte un taller plástico para nenos de 8 a 12 anos centrado nos filmes de Tim Burton.
Descrición
Tim Burton é un director de cine que creou un universo propio onde o seu código visual e personaxes trascenderon a pantalla para influír en creadores doutros ámbitos artísticos. Os seus arquetipos marxinais ou “raros”, tan propios do imaxinario do cinema norteamericano, saen da norma para protagonizar historias ambientadas en lugares oníricos ou terroríficos onde se desvirtúan as formas e a diversidade é o cotiá.
Neste obradoiro presentarase unha selección da súa filmografía máis detacada e amosaranse as súas influencias. Ademais amosaranse as cualidades estéticas das súas historias e escenografías, que fixeron das súas películas unhas das máis orixinais da historia do cinema.
Nenas e nenos, exercendo unha especie de dirección artística, traballarán o paso das dúas ás tres dimensións na construción de esccenografías axeitadas a algúns dos personaxes do peculiar mundo burtoniano.
Obxectivos
– Entender que o cinema é unha disciplina transversal que aúna saberes diferentes.
– Apreciar o cinema como unha forma máis de manifestación artística.
– Coñecer grandes persoeiros do cinema e as características do seu estilo.
– Aplicar o paso das dúas ás tres dimensións nun traballo plástico, creativo e persoal.
Destinatarios
Nenas e nenos de 8 a 12 anos (15 participantes)
Lugar
Edificio Castelao (Museo de Pontevedra)